Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron hoxe que máis de 81.000 maiores da provincia de Lugo (8.000 na comarca de Lemos) xa se poden beneficiar dos descontos e as facilidades para o acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios que ofrece o Carné +65. Neste momento, preto de 800 establecementos de toda Galicia, dos que máis dun cento atópanse na provincia de Lugo (13 na comarca de Lemos), xa están adheridos a esta iniciativa da Xunta.
Raquel Arias e José Manuel Mato reuníronse co director do Hotel-Balneario Augas Santas de Pantón, Santiago Villanueva, e animaron a todos os maiores da provincia de Lugo a beneficiarse das vantaxes do Carne +65, que ofrece descontos directos de ata un 30 por cento nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de toda Galicia.
TOTALMENTE GRATUÍTO
O Carne +65 é totalmente gratuíto e os usuarios poden acollerse ás vantaxes que neste momento xa ofrecen arredor de 700 establecementos de toda Galicia, unha cifra que está previsto se achegue ao milleiro ao remate do presente ano.
Os deputados populares explicaron que “todas persoas de 65 ou máis, que estean empadroados en Galicia, están a recibir ou xa recibiron o Carné +65 nos seus domicilios”. “No caso de non ser así, poden solicitalo a través da dirección de correo electrónico xestion.carne65.maiores@xunta.gal, e seralles remitido á dirección que o soliciten”, indicaron.
Así mesmo, os establecementos que desexen adherirse a esta campaña poden facelo directamente a través da páxina web habilitada pola Consellería de Política Social para coñecer todo sobre o Carné +65 (https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/carne65/), espazo dixital no que tamén se pode consultar os establecementos participantes e os descontos que ofrecen aos usuarios. Todos eles disporán dun distintivo para que os clientes coñezan que participan nesta iniciativa.