Santiago, 1 de agosto de 2018.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique afirmou hoxe que “un bo tirón de orellas é o que merece o secretario xeral dos socialistas galegos por manexar ao seu antollo a memoria do Consello Económico e Social, xa que, a diferenza do que lle parece a Gonzalo Caballero, este organismo independente constata que a recuperación económica está chegando aos fogares, cun crecemento equilibrado e con taxas de variación interanuais positivas en todas as actividades”.
Egerique manifestou que estes datos do CES “coinciden co último informe de EAPN-Rede Galega contra a Pobreza do pasado mes de xuño, onde se pon de manifesto que o número de galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social diminuíu case tres puntos no último ano ata situarse no 22,6 por cento, o que supón catro puntos menos que a media nacional”.
“O CES faise eco destes datos e lembra que as últimas enquisas sinalan un descenso do número de fogares que non reciben ningún tipo de ingreso, así como dos fogares cunha soa persoa que recibe ingresos, o que supón un claro indicio que amosa a recuperación dos indicadores da situación social”, sinala a deputada popular.
MOITO CAMIÑO POR ANDAR
Así mesmo, Teresa Egerique afirma que “coincidimos co CES en que aínda resta moito camiño por andar para recuperar os niveis de desigualdade e pobreza que tiñamos antes da crise económica, pero desde o Goberno da Xunta e desde o PPdeG estamos a traballar para continuar pola senda que seguimos estes últimos anos e que, ata o de agora, está dando resultados satisfactorios na recuperación económica das persoas e familias que máis sufriron as consecuencias da crise”.
“Do que estamos seguros é de que volver á senda de incrementar o déficit e a débeda pública como pretende o novo Goberno central socialista non é o máis recomendable para que a sociedade mellore os seus niveis de riqueza e benestar, porque as débedas hai que pagalas e a única forma de facelo é con máis sufrimento e cos subas de impostos”, asegurou.
CAMBIO DE PARECER SOCIALISTA
A deputada popular lembrou que “ata hai ben pouco os socialistas criticaban o endebedamento que tiñan tanto do Goberno central como a Xunta, pero foi chegar á Moncloa e virar totalmente a súa forma de pensar para defender un maior endebedamento das administracións, que todos sabemos as consecuencias que iso ten para os cidadáns no futuro”.
“Esperamos que a recuperación da economía que empezábamos a albiscar, como ben recoñece o propio Consello Económico e Social, non se veña abaixo coas políticas derrochadoras que están a anunciar desde o novo Goberno socialista, co único obxectivo de sacar rendementos políticos a curso prazo pero que ao final prexudicará aos petos de todos os cidadáns”, indicou.