Santiago, 5 de xuño de 2019.- A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, salientou hoxe no Parlamento que o decreto 12/2017 polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade galega “está conseguindo ordenar con éxito este sector brindando un marco de seguridade e loitando contra a competencia desleal sen restar competitividade ao sector hoteleiro”. De feito, salientou que “a demanda turística nos establecementos tradicionais está a medrar un 5 por cento e a rendibilidade hoteleira é hoxe a máis alta da década”.
Cristina Romero saudou “o cambio de postura amosado polos socialistas galegos” respecto das vivendas de uso turístico, xa que no seu momento “votaron en contra de regular este tipo de aloxamentos e pediron no Parlamento galego a retirada do decreto que o regula”.
“Por primeira vez, e gracias a este decreto, estase a ordenar con éxito este sector turístico, posibilitando aos concellos que regulen este uso da vivenda en base ás súas competencias urbanísticas, ao igual que as comunidades de veciños a través dos seus estatutos”, indicou.
NORMATIVA AVALADA POLA XUSTIZA
Así mesmo, a portavoz popular destacou que este decreto “é a única normativa autonómica avalada integramente pola Xustiza, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza lle dera a razón á Xunta en dúas ocasións fronte ás alegacións formuladas”.
Respecto da realización de estudos sobre turismo, Romero criticou que a oposición “desprece os realizados, tamén polas universidades galegas, cando o resultado non valida o seu discurso”. “Cremos que este tipo de estudos son unha fonte de datos de gran interese, que permiten ter unha idea aproximada do camiño a seguir nas políticas públicas”, engadiu.
Deste xeito, indicou que “na actualidade estanse levando a cabo estudos como o recentemente publicado sobre o impacto socioeconómico do Camiño Francés ou o que se está a elaborar sobre o impacto do Camiño Portugués e da Vía da Prata”. “Dado a próxima celebración do Xacobo 2021, prace razoable dar prioridade a estes estudos sobre o Camiño de Santiago”, dixo.