Os deputados do Grupo Popular Ethel Vázquez e Jesús María Fernández Rosende salientaron hoxe que o futuro protocolo de prevención fronte a situacións de violencia ou agresións para as traballadoras do servizo de axuda no fogar (SAF), no que están a traballar conxuntamente a Xunta e a Fegamp, permitirá mellorar a seguridade e tranquilidade coa que se presta este servizo en Galicia.
“A pesar de tratarse dun servizo de competencia municipal, o Goberno galego está firmemente comprometido coa prestación deste importante servizo a máis de 23.000 galegos e en garantir a máxima seguridade ás traballadoras que o prestan”, manifestou Ethel Vázquez. Así, afirmaron que neste momento estase a recompilar información sobre os procesos, funcións e tarefas das traballadoras do SAF co obxectivo de avanzar na redacción dun borrador que será presentado a todas as partes implicadas na prestación deste servizo.
USUARIOS MULTIPLICADOS POR 8
Neste sentido, os deputados destacaron que o numero de usuarios do servizo de axuda no fogar en Galicia multiplicouse por 8 desde 2009, “un incremento de beneficiarios que non se viu acompañado por unha suba das aportacións do Goberno de Pedro Sánchez para a prestación dos servizos de dependencia”. En concreto, criticaron que, mentres a Xunta incrementou un 12 por cento o orzamento destinado á dependencia, chegando a sufragar na actualidade máis do 65 por cento do custo, o Goberno central abona menos do 34 por cento, cando a lexislación vixente obrígao a aportar o 50 por cento.
Fernández Rosende considerou “indignante que mentres o Goberno de Pedro Sánchez rebaixou en Galicia a súa aportación para a prestación da dependencia do 40 ao 34 por cento entre os anos 2023 e 2024, xa se comprometeu co País Vasco a asumir o 50 por cento da dependencia”.
“A esta situación súmase os máis de 2.500 millóns de euros que o Goberno central xa debe a Galicia pola prestación da dependencia, unha cifra resultante da suma de todo o tempo que leva sen abonar o 50 por cento do custo da prestación deste servizo que lle corresponde por lei”, apuntaron.