Santiago, 29 de xaneiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez salientou hoxe no Parlamento que o Igape facilitou máis de 14.000 millóns de euros para apoiar a 81.000 empresas e autónomos galegos. “Os grupos da oposición están ao rebufo do Goberno galego, limitándose a instar medidas que xa están feitas e que sitúan a Galicia nunha mellor posición que o conxunto de España”, salientou.
Sandra Vázquez referiuse á importancia da internacionalización das empresas galegas, lembrando que o programa Galicia Exporta conta este ano cun orzamento de 11,2 millóns de euros, un 40 por cento máis que na anterior convocatoria, “co obxectivo de que as pequenas e medianas empresas poidan acceder e medrar nos mercados internacionais, promovendo a diversificación dos destinos das vendas”.
21.000 MILLÓNS EN EXPORTACIÓNS
“Unha labor que está a ter os seus froitos, porque Galicia continúa atravesando o seu mellor ciclo exportador, a pesar das incertezas que se viven a nivel nacional e internacional, e de manterse as previsións volveremos a superar a barreira de 21.000 millóns de euros”, subliñou.
Finalmente, a deputada popular afirmou que a Lei de implantación empresarial de Galicia “está a ter reflexo na captación de investimento estranxeiro, xa que mentres, entre xaneiro e setembro do pasado ano, o investimento en España caeu a niveis de 2014, en Galicia rexistráronse os mellores datos desde 2012: 115 millóns de euros fronte aos 53,1 millóns de euros no mesmo período de 2018”.