Santiago, 15 de febreiro de 2022.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita o incremento da dotación orzamentaria para elevar o volume de persoal investigador no centro Intecmar durante o ano 2022, co compromiso de facelo mediante contratación estable que manteña estes postos nos seguintes anos.
“Non nos podemos negar a algo que xa o está a facer o Goberno galego, que incrementou o orzamento desta entidade case un 50 por cento desde 2013 e conta neste ano 2022 coa partida máis alta da súa historia para persoal”, salientou a deputada popular Elena Suárez.
Na súa intervención, Suárez subliñou que o Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño (Intecmar) “é unha prioridade pola que o Goberno galego aposta decididamente, tanto no que se refire aos recursos económicos como aos recursos humanos”.
CASE 4 MILLÓNS DE EUROS CADA ANO
A deputada popular concretou que o Intecmar contará no 2022 cun orzamento de case 4 millóns de euros, “unha cantidade semellante á do pasado ano e que conseguiu executar en máis dun 95 por cento no control técnico e sanitario dos produtos do mar, unha ferramenta fundamental e acreditada para as xentes do mar e para os consumidores dos seus produtos”.
No que respecta a persoal, Elena Suárez explicou que, logo de superar os peores anos da crise económica, o Intecmar “aumentou en 6 traballadores o seu cadro de persoal, estando previsto a incorporación doutras tres persoas a través do contrato-programa plurianual 2021-2023”.
“Ademais, e dentro do programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas para a contratación de persoas mozas desempregadas, o Intecmar contratará a 7 mozos con titulación para a realización de diferentes tarefas durante un ano”, engadiu.