O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Figaldo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o modelo de coxestión do marisqueo entre Xunta e o sector “está sendo avalado e posto como modelo pola propia Comisión Europea”. Neste sentido, lembrou que “o mariscador quere vivir do seu traballo e non das axudas, polo que a prioridade é recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros, que é o que está a facer o Goberno galego”.
Miguel Fidalgo afirmou que o marisqueo “é un sector estratéxico pola súa relevancia socioeconómica e medioambiental, ao contar con máis de 3.600 permisos de explotación, case 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos”. Ademais, destacou que “é unha actividade na que participan máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, alcanzou unha produción superior ás 5.100 toneladas, cun valor de 62,6 millóns de euros”.
SITUACIÓN COMPLEXA
Na súa intervención, o portavoz popular recoñeceu que o sector marisqueiro galego “está a vivir unha situación complexa”, pero avogou por “fuxir da demagoxia á que acostuman os grupos da oposición, porque a Xunta está a afrontar as dificultades conxuntamente co sector”.
“Somos a única rexión que ten un sistema real de cogobernanza a través dos 92 plans de xestión elaborados polo propio sector, que se aproban cada tres anos e se ocupan tanto da explotación dos recursos como da organización dos traballos non extractivos, como son as labores de conservación das condicións das poboacións explotadas”, indicou.
Ademais, Miguel Fidalgo lembrou que a Xunta xa publicou, desde outubro de 2023 ata a actualidade, 13 ordes de axudas relacionadas directamente co marisqueo no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade, que superan os 50 millóns de euros, ás que hai que engadir outras actuacións destinadas á mellora do marisqueo e dirixidas a axudas tanto a confrarías como á xestión da biodiversidade ou actividades marisqueiras.