Santiago, 26 de xuño de 2019.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, salientou hoxe que o Plan de Transporte Publico posto en marcha pola Xunta en 2017 “conseguiu que ningún galego quedase sen servizo de transporte ao incrementar os servizos, coas novas modalidades de transporte a demanda e compartido, e dando estabilidade e seguridade a máis de 500 traballadores das liñas renunciadas”.
Martín Fernández lembrou que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia “doulle a razón á Xunta e desestimou todos os recursos interpostos polas asociacións, federacións de transporte e as organizacións sindicais do sector contra os pregos de concesión do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada”.
ABSOLUTA CORRECCIÓN XURÍDICA
Neste sentido, salientou que a Xunta “non se opuxo naquel momento á paralización cautelar do proceso de presentación de ofertas porque sempre defendeu a absoluta corrección xurídica do proceso de licitación e non se opuxo tampouco para non prexudicar aos licitadores”.
O portavoz popular manifestou que o Plan de transporte público da Xunta “é un plan equilibrado economicamente” e explicou que os 100 contratos que recorreron as empresas e cuxos recursos foron desestimados suporán unha achega por parte da Administración de 500 millóns de euros e acadarán un volume de negocio de 630 millóns de euros.
Así mesmo, Fernández Prado salientou que a Xunta asinou cos sindicatos UGT, CC.OO. e a CIG a finais de marzo “un acordo de cláusulas sociais de referencia nacional, que blindaba a seguridade e a calidade do emprego dos traballadores do transporte de viaxeiros por estrada de Galicia”.