Santiago, 10 de xullo de 2018. O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, acusou esta tarde no Pleno do Parlamento ao Grupo Socialista de “deostar” o Programa Galego de Atención ao Infarto de Miocardo, cando “é dos de máis éxito da sanidade galega” e un exemplo a seguir para moitas comunidades autónomas. “Un programa loado por sociedades e profesionais da cardioloxía a nivel nacional e internacional”, engadiu.
Aurelio Núñez lamentou que os socialistas presentasen unha iniciativa neste Pleno co único fin de “facer demagoxia” e terxiversar a realidade, cando en Galicia a atención ao infarto agudo de miocardio “é excelente”. A mostra é que o 96,5 por cento das persoas que sofren esta enfermidade sobreviven. “É dicir, a cifra de mortalidade media a 30 días acada o 3,5 por cento, sendo nas demais áreas sanitarias galegas inferior ao 5 por cento”, subliñou.
Tal e como salientou o portavoz popular, Galicia foi en 2005 a terceira comunidade en implantar a atención en rede as 24 horas do día, para todas as persoas afectadas de síndrome coronario. Segundo os datos da Sociedade Española de Cardioloxía, a nosa comunidade, no ano 2014, era o terceiro mellor territorio coas cifras de mortalidade a 30 días postinfarto do 4%, cando o límite considerado óptimo é do 5%. En Andalucía, ese mesmo ano, esa cifra acadaba o 10%.
Por outra banda, explicou que as decisións sobre cambios nos protocolos de atención ou nas unidades de hemodinámica tómanse en función dos resultados do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio (Regaliam) –unha ferramenta para avaliar a situación do tratamento desta enfermidade-, “nunca por caprichos”. Así, con respecto á petición do grupo socialista dunha ambulancia medicalizada para o Salnés, Núñez Centeno indicou que o transporte sanitario terrestre funciona en rede e está coordinado pola Fundación Urxencias Sanitarias-061, que toma as decisións asistencias en función das necesidades obxectivadas.
Para finalizar, salientou que, en Galicia, hai unha sala de Hemodinámica por cada 258.000 habitantes -cando a media en España é dunha sala por cada 366.000-. “Este servizo en Lugo xa funciona 14 horas e o de Ourense xa está programado para facelo. E estará operativo as 24 horas cando os expertos e o Regaliam así o indiquen”, sentenciou Núñez Centeno.