Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luis Ferro, acompañados da alcaldesa Sandra Quintas, salientaron hoxe que, cando se compren 50 anos do inicio das escavacións arqueolóxicas no xacemento romano de Aquis Querquennis de Bande, este espazo converteuse nun punto de referencia e atracción de visitantes a esta comarca da Baixa Limia ourensá no contexto do turismo cultural galego, sobre todo no ámbito histórico patrimonial.
O xacemento romano de Aquis Querquennis, situado na parroquia dos Baños do concello de Bande, constitúe un dos conxuntos arqueolóxicos máis representativos da romanización do noroeste peninsular, tanto polo seu estado de conservación como pola súa importancia estratéxica na antiga Vía Nova, que unía Bracara Augusta (actual Braga) con Asturica Augusta (Astorga). En concreto, trátase dun antigo campamento militar romano, datado no século I d.C., que inclúe restos do campamento, do mansio, termas e outras estruturas lixeiras vinculadas á presenza militar e ao tránsito imperial.
MEDIA DE 30.000 VISITANTES CADA ANO
Os deputados populares lembraron que as escavacións no xacemento de Aquis Querquennis iniciáronse en 1975 da man do profesor Antonio Rodríguez Colmenero e desde entón este enclave consolidou o seu papel como recurso patrimonial, educativo e turístico, cunha media de 30.000 visitantes cada ano.
“O traballo que se está a desenvolver neste xacemento, así como o interese que suscita entre os seus visitantes, reforza o papel dun concello do interior como é o de Bande no contexto do turismo cultural galego, sobre todo no ámbito histórico patrimonial”, manifestou o deputado popular José Luis Ferro.
Neste sentido, Juan Casares subliñou que “a actividade investigadora e patrimonial que desenvolve o conxunto arqueolóxico de Aquis querquennis supón afondar no coñecemento dun elo máis da cadea histórica que define a Galicia como terra senlleira e ancestral”.
Pola súa banda, a alcaldesa Sandra Quintas afirmou que “o Concello de Bande aposta por aumentar a visibilidade deste xacemento como recurso patrimonial, histórico e turístico, así como por potenciar a oportunidade que abre á cooperación interterritorial con outras localidades unidas pola Vía Nova”.
Así, con motivo da celebración deste 50 aniversario do inicio das escavacións neste xacemento, o Concello ten previsto un programa de actividades para poñer en valor o traballo de investigación e conservación realizado; achegar á cidadanía e visitantes a relevancia histórica do enclave; reforzar a proxección de Aquis Querquennis como recurso patrimonial e turístico de relevancia autonómica; e promover o respecto polo patrimonio cultural como elemento de identidade colectiva.