As deputadas do Grupo Popular Felisa Rodríguez e María Deza, acompañadas da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, salientaron hoxe a importancia das axudas da Xunta de Galicia para a modernización e rehabilitación das prazas de abastos galegas. Neste sentido, puxeron de exemplo a transformación que se levará a cabo na nave de Aceros del Tea en Ponteareas, un espazo no que se investirán cerca de 800.000 euros para convertelo na nova praza de abastos desta localidade pontevedresa.
Felisa Rodríguez e María Deza visitaron esta mañá a praza de abastos de Ponteareas para comprobar a situación na que desenvolven neste momento o seu traballo os praceiros e realizan as súas compras os consumidores. “As condicións cambiarán totalmente unha vez rematen as obras de rehabilitación e modernización da nave de Aceros del Tea, un espazo máis accesible e eficiente que albergará o novo mercado municipal e ofrecerá novas opcións gastronómicas e de restauración, ao tempo que porá en valor os produtos frescos e impulsará o comercio de proximidade”, manifestaron, para apuntar que “o obxectivo é conseguir que sexa declarado como Mercado de Excelencia”.
PEIXE E MARISCO MÁIS ASEQUIBLE
A Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos unha liña de axudas destinadas a reforzar os mercados e prazas de abastos como motor económico local, fomentando o comercio de proximidade e dinamizando a actividade social e comercial dos municipios. Esta liña de axudas forma parte do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, en cuxa elaboración participaron máis de 300 representantes e expertos do sector do comercio galego.
As deputadas populares aproveitaron a súa visita á praza de abastos de Ponteareas para informar a praceiros e clientes da próxima implantación en Galicia do Bono Peixe, anunciado polo Presidente Rueda no Debate sobre Política Xeral celebrado esta semana no Parlamento galego.
Este bono consiste nunha axuda de 50 euros por persoa para estimular o consumo de peixe e marisco fresco por parte dos galegos. “En total, a Xunta investirá 2,5 millóns de euros para facer máis asequible e ao alcance de todos os petos estes produtos, mentres o Goberno central non adopta a redución do IVE que todo o sector lle está a pedir”, concretaron.