Santiago, 16 de novembro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, amosou hoxe a súa satisfacción porque o ex ministro socialista José Blanco “recoñeza finalmente a súa responsabilidade na operación ruinosa que foi para os galegos o convenio asinado en 2011 polo Ministerio de Fomento coa concesionaria da AP-9 a través do que se autorizaba unha suba acumulativa do 1 por cento durante 20 anos para Audasa, ademais de que o Estado abonaría un interese fixo anual do 8 por cento polo custo das obras”.
“A decisión adoptada polo Goberno socialista presidido por Zapatero, do que era parte destacada José Blanco, de financiar as obras de ampliación da AP-9 con subas de peaxes acumulativas durante 20 anos e o abono dun interese fixo desproporcionado está a por aos galegos nunha situación de tarifas inasumibles”, sinalou Martín Fernández.
Neste sentido, explicou que esta decisión “contrasta coa adoptada polo Goberno de Mariano Rajoy para liberar a peaxe de volta entre Vigo e Pontevedra, repercutindo este custe só durante tres anos no conxunto do percorrido entre Tui e Ferrol”. “Iso é unha mostra de solidarizar unha peaxe, algo que xa existe noutros tramos da AP-9; non supón beneficio algún para a empresa concesionaria e limítase o tempo a só tres anos”, engadiu.
CAMBIO DE POSTURA
O portavoz de Infraestruturas criticou que “non hai moito tempo os socialistas defendían que se decidira a suba da peaxe acumulativa do 1 por cento anual porque había crise, pero que o Goberno de Mariano Rajoy, nun momento de recuperación económica, xa podía reverter aquel acordo”.
“Agora que os socialistas están no Goberno do Estado mudaron completamente este parecer e defenden a consolidación desta suba das peaxes na AP-9, rexeitando incluso a súa proposta de afrontar esta suba con cargo aos orzamentos xerais para avalar que se cargue o custo nos usuarios desta autoestrada a través do incremento das peaxes”, manifestou.
Martín Fernández afirmou que, “unha vez que recoñeceron publicamente a súa culpa na suba das peaxes da AP-9, é de esperar que o Goberno socialista cumpra os compromisos asumidos polo Goberno do PP cos galegos en relación coa AP-9, tanto no que atinxe á retirada da peaxe de Redondela como á non repercusión nas peaxes das melloras nesta autoestrada”.