As deputadas do Grupo Popular Noelia Pérez e Cristina Campero salientaron hoxe que o número de prazas de novo ingreso para a formación profesional na provincia de Ourense acadará o vindeiro ano as 5.338, unha cifra récord coa que tamén se ofertarán novas especialidades como a FP acelerada. “O obxectivo é poñer a disposición dos alumnos unha oferta que dea resposta ás súas demandas e necesidades, e adaptada ás necesidades do tecido socioeconómico nun momento de solicitude de profesionais cualificados e que garantan o relevo xeracional”, sinalou.
Nunha visita ao CEIP 12 de Outubro de Ourense acompañadas da portavoz do PP en Ourense, Ana Méndez, e de estudantes, Noelia Pérez e Cristina Campero destacaron que “o número de prazas para formación profesional na provincia ourensá incrementarase o vindeiro ano en 387, o que supón unha suba do 7,82 por cento respecto do pasado curso”. O prazo para solicitar praza nos diversos ciclos ofertados abrirase o vindeiro 16 de xuño e permanecerá aberto ata o 2 de xullo.
NOVIDADES
Dentro da provincia ourensá, a área que conta con maior oferta é a de Ourense, con 4.491 prazas; seguida de Valdeorras-Trives-Caldelas-Viana, con 452; e Verín-A Limia-Baixa Limia, con 395.
Unha das novidades que ofertará a formación profesional en Galicia para o vindeiro ano son as formacións aceleradas, “unha nova vía formativa pioneira e inédita a nivel de toda España que consiste nunha formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, e que ten por obxecto mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral”, explicou o deputado popular.
Dentro desta provincia de Ourense, os interesados nestas formacións aceleradas teñen á súa disposición 132 prazas de grao básico e grao superior, distribuídas nos centros A Farixa, de Ourense; e o CIFP de Vilamarín.