Santiago, 12 de febreiro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo asegurou hoxe que En Marea, PSdeG e BNG “seguen ancorados no catastrofismo e no masoquismo” en materia de sanidade, “mentres organismos internacionais de toda solvencia poñen a nosa sanidade entre as máis valoradas do mundo e os nosos hospitais e profesionais son premiados pola súa labor de xestión, científica ou asistencial”.
“Nós non negamos a realidade e estamos escoitando aos galegos nas súas reivindicacións lexítimas de mellora da sanidade”, sinalou a deputada popular, quen incidiu que a Xunta “xa está a traballar e negociar neste momento en melloras para os profesionais, que sen dúbida repercutirán tamén en mellora para os doentes”. Neste sentido, avogou porque “estas negociacións se pechen o máis pronto posible e se cheguen a acordos favorables para todas as partes”.
A SANIDADE, UNHA PRIORIDADE
Encarna Amigo subliñou que “a quen non podemos escoitar sobre este tema son aos grupos da oposición, que levan tantos anos errando na súa diagnose, difundindo mentiras e facendo propostas que nunca foron respaldadas polos galegos”.
Na súa intervención, salientou que en Galicia “somos líderes mundiais en transplantes, en fecundación asistida, en sistemas de detección precoz do cancro; temos o máximo histórico en intervencións cirúrxicas, en consultas, menores esperas desde que hai rexistros”. “A sanidade pública sempre foi unha prioridade nos orzamentos do actual Goberno galego, dedicándolle máis do 40 por cento do presuposto en 2019, a cifra máis alta da historia desta Comunidade autónoma”, indicou.
Ademais, Amigo destacou que “a plantilla media do Servizo Galego de Saúde incrementouse desde 2008 en 2.353 profesionais, chegando no momento actual a contar coa plantilla máis alta dos últimos dez anos: 38.609”.
“O obxectivo sempre é establecer a mellor coordinación entre servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria, así como con urxencias sanitarias”, explicou a deputada popular, quen engadiu que “cando se producen incrementos de demanda asistencial realízanse adaptacións do modelo para solventar esta situación, contemplando as necesidades de habilitación de recursos, tanto estruturais como de persoal, segundo van medrando as necesidades asistenciais”.