Santiago, 25 de xaneiro de 2022.- O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o traballo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) durante a pandemia, facilitando guías, instrucións e asesoramento técnico sobre o xeito de facer os centros de traballo máis seguros, “foi un factor determinante na boa xestión da Covid-19 en Galicia”.
Balseiro explicou que “no deseño da actual estrutura normativa e técnica en materia de prevención de riscos está implicada non só a Xunta, senón tamén o resto de administracións, incluído o Goberno central, así como os sindicatos e as organizacións empresariais”. “Existe todo un conglomerado normativo que conta coa participación dos axentes sociais e que está sometido a revisión e actualización periódicas, entre outras razóns para incorporar todas as novidades técnicas que permitan facer o traballo máis seguro”, apuntou.
GALICIA EN NEGRO DA OPOSICIÓN
Deste xeito, indicou que na actualidade “xa existe unha estratexia galega de seguridade e saúde no traballo en Galicia, acordada na Mesa do Diálogo Social e que se desenvolve principalmente a través dos sucesivos plans de actuación do Issga”.
O portavoz popular manifestou que “non podemos compartir nin nos sentimos identificados con esa Galicia en negro que tanto BNG como PSdeG sempre describen cando se trata de debater en materia laboral”, porque considerou que “non é xusto nin honesto aproveitar unha estatísticas sesgadas escollidas para que dean o resultado negativo que lles interesa”.
Neste sentido, e referíndose aos últimos datos oficiais de 2021, José Manuel Balseiro subliñou que o número de accidentes mortais en xornada laboral “reduciuse en Galicia nun 11,76 por cento”, ao tempo que “o incremento dos accidentes veu acompañado do aumento do número de afiliados”. “A maior número de persoas traballando, máis probabilidade de que aumente o número de accidentes”, concluíu.