As deputadas do Grupo Popular Carmen Pomar e Cecilia Vázquez anunciaron hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia solicitando ao Goberno central o arranxo urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago, “un exemplo evidente dunha vía extremadamente perigosa, tanto para os condutores como para os peóns, polo pésimo estado do firme, a sinalización e a iluminación”.
Carmen Pomar e Cecilia Vázquez percorreron diversos tramos desta estrada nacional acompañadas dos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez, e de Oroso, Álex Doval, para comprobar “as condicións deplorables nas que se atopa, cun asfalto moi deteriorado que precisa dunha intervención integral urxente, tanto para a seguridade como para a comodidade dos usuarios”.
DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL
Así mesmo, as deputadas populares comprobaron como “a sinalización e a iluminación desta estrada, tanto horizontal como vertical, é deficiente en moitos puntos, o que incrementa a sensación de inseguridade para os condutores e incluso para os peóns que cruzan esta estrada nas numerosas poboacións polas que pasa”.
“Os galegos xa sufrimos o desprezo e o castigo do Goberno de Pedro Sánchez co aprazamento sine die da transferencia da AP-9 a Galicia e as maiores peaxes de España nesta autoestrada, pero non podemos consentir que tamén teñamos que sufrir a penitencia dunha N-550 que se atopa nunhas condicións deplorables, poñendo en serio risco aos que circulamos habitualmente por esta estrada e tamén aos veciños que viven nos seus arredores”, sinalaron.