O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento galego, deputacións provinciais e concellos unha iniciativa a través da que se solicita ao Goberno de España que modifique o Real Decreto que obriga ao rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo.
“Estamos a falar dunha nova medida que incrementa a excesiva carga burocrática que xa soporta o sector agrogandeiro, tanto o profesional como o destinado ao autoconsumo, que está a provocar tanto un abandono e desaparición de explotacións, como o fomento do abandono do propio rural”, sinalan os populares.
O Goberno de Pedro Sánchez publicou no mes de xullo de 2021 o Real Decreto 637/2021 polo que se regulan as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, no que se recolle que aquelas explotacións familiares que crían aves para consumo propio, polo que non comercializan nin aves nin os seus produtos, deben estar inscritas no rexistro xeral de explotacións gandeiras.
MÁIS DE 50.000 EXPLOTACIOŃS AFECTADAS EN GALICIA
“Trátase de máis de 50.000 explotacións de autoconsumo galegas que se verán obrigadas a inscribirse neste rexistro, o que supón máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións ao non comercializar a súa produción”, explica o coordinador do Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto.
Souto engade que o PPdeG “comparte o malestar destes propietarios de galiñeiros de autoconsumo fronte á decisión adoptada polo Goberno central, sen contar para nada, unha vez máis, coa opinión das comunidades autónomas e lexislando de costas ao territorio, sen atender as peculiaridades de cada zona”.
Neste sentido, lembra que a Xunta xa presentou alegacións en cada un dos trámites de desenvolvemento normativo seguidos por este Real Decreto, “que, lamentablemente, non foron atendidas”. “Unha vez máis, o Goberno de Sánchez impuxo á sociedade unha normativa que non atende ás especificidades do noso territorio e negouse a que estas explotacións de autoconsumo quedaran fóra do ámbito de aplicación deste Decreto Lei”, manifesta.