Santiago, 26 de abril de 2019.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno do Estado que garanta unha maior simplicidade e axilidade na tramitación das prestacións por risco durante o embarazo en favor de mariscadoras, percebeiras, redeiras e traballadoras da pesca artesanal por parte da entidade á que lle corresponde esta tramitación: ben sexa o Instituto Social da Mariña ou as mutuas colaboradoras da Seguridade Social.
“Consideramos especialmente necesario que non se pida a estas traballadoras a achega de documento algún non esixido pola normativa aplicable e que se leven a cabo os trámites precisos no prazo máis breve posible”, apuntou a portavoz do Mar, Teresa Egerique.
Neste sentido, Egerique afirma que esta iniciativa do PPdeG “recolle as demandas que desde este colectivo de mulleres traballadoras en actividades de marisqueo e pesca artesanal, así como das entidades que as representan, nos fixeron chegar, denunciando que están a soportar un retraso sistemático no recoñecemento do dereito a unha prestación económica do sistema de Seguridade Social por risco durante o embarazo”.
RISCO INNECESARIO
Entre as dificultades que se atopan estas traballadoras para que lles sexa recoñecida a prestación económica por risco durante o embarazo figuran a ausencia dun modelo de solicitude de certificación médica de risco na maioría das mutuas; a solicitude para que, xunto co informe do facultativo do Servizo Público de Saúde, se indiquen as patoloxías asociadas ao embarazo; o requirimento dunha revisión médica específica; a utilización dos criterios da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia de forma arbitraria; ou a denegación da prestación no caso de que a traballadora tivera anteriormente unha incapacidade temporal por enfermidade común que se poida vincular ao embarazo.
“Esta situación supón que tanto a traballadora como o propio feto estean expostos a un risco innecesario, polo que estas mulleres terminan por solicitar a baixa por enfermidade común”, sinalou a portavoz popular.
Teresa Egerique salientou que “estamos a falar maioritariamente de traballadoras autónomas que realizan duras tarefas de moita carga física, movementos repetitivos, manexo manual de cargas, humidade ou condicións climatolóxicas adversas”. “Estes riscos laborais aos que están expostas estas mulleres poden causar danos na súa saúde ou na do feto, non existindo posibilidades de adaptación ao posto de traballo ou de cambio de emprego”, manifestou.