Santiago, 15 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento solicitar ao Ministerio de Fomento que axilice o proceso administrativo para a conexión ferroviaria do porto exterior de A Coruña, “tendo presente que xa está previsto que para este verán se entregue á Autoridade Portuaria o proxecto construtivo”.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lembrou que “a Autoridade Portuaria de A Coruña, para acurtar os prazos e lograr que o porto exterior conte cun enlace ferroviario o antes posible, asumiu a realización do proxecto técnico e adxudicou o pasado 30 de xuño a súa redacción, polo que está previsto que o documento sexa entregado este verán”.
TRAZADO CONSENSUADO
Neste sentido, Fernández Prado lembrou que “o trazado finalmente elixido foi consensuado polos concellos de A Coruña e Arteixo co Ministerio de Fomento, co coñecemento da Xunta de Galicia”. Ademais, indicou que a Autoridade Portuaria xa ten contemplado os fondos que son necesarios para elaborar este proxecto, “centrándose neste momento no estudo das fórmulas existentes para que a execución da obra non supoña unha carga financeira para a propia Autoridade Portuaria”.
O Grupo Popular tamén apoiou solicitar ao Goberno central que dote dun orzamento para o ano 2017 e seguintes que garanta o cumprimento dos prazos da conexión ferroviaria ao porto exterior de A Coruña.
Porén, reiterou “a necesidade de que os grupos da oposición apoien os orzamentos do Goberno central para poder sacalos adiante, xa que, de non ser así, dificilmente se poderán realizar o avanzar en calquera tipo de obra pública”.