Santiago, 4 de xullo de 2019.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta, o Goberno do Estado e os concellos galegos avalíen alternativas que permitan reducir progresivamente o uso de herbicidas derivados do glisofato no tratamento das cunetas da rede viaria, restrinxindo a súa utilización naquelas zonas onde sexa necesario para garantir a visibilidade da estrada e de acordo a criterios de seguridade viaria.
O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado acusou aos grupos da oposición de “alarmar á sociedade porque a Xunta cumpre coa normativa vixente ao esixir a utilización de produtos autorizados, que son estendidos por persoal especializado e unicamente cando as condicións climatolóxicas son as idóneas”.
EMPRESAS CON AMPLA EXPERIENCIA
“Este tipo de traballos especializados son realizados por empresas con ampla experiencia na limpeza de cunetas nas estradas galegas, con operarios con certificados de aplicador profesional requiridos para o emprego deste tipo de produtos, así como a formación técnica e os equipos de protección individual necesarios”, apuntou.
Neste sentido, engadiu que “non é posible unha prohibición unilateral deste produto por parte da Xunta, xa que debería facerse a nivel estatal ou, mellor aínda, a nivel da Unión Europea”.
“Porén, e dada a controversia que se está a xerar pola utilización destes produtos, a Xunta está a avaliar outras alternativas de control da biomasa, sempre baixo a premisa de que se acaden os obxectivos primordiais de salvagardar a seguridade viaria”, manifestou.