Os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular subliñan que as modificacións previstas para a Lei do patrimonio cultural dan resposta a demandas históricas dos concellos, xa que permitirán adaptar a normativa actual á realidade, axilizando trámites e garantindo unha protección máis eficaz do patrimonio cultural.
O portavoz do grupo do PP e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Ángel Moldes, sostén que estes cambios, previstos na Lei de acompañamento dos Orzamentos, incluso van evitar que moitos concellos teñan que renunciar ou perder axudas por non dispoñer a tempo das autorizacións necesarias, unha situación habitual neste momento.
“É unha medida que facilita a vida dos concellos e da cidadanía. Non se trata dunha delegación de competencias, senón de axilizar o procedemento para reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do noso patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais”, defende.
Por este motivo, Moldes asegura que as declaracións do presidente da Fegamp non representan o sentir da maioría dos alcaldes e alcaldesas de Galicia, que levan moitos anos reclamando esta medida.
“A concellos como Poio, que somos un dos municipios de toda Galicia con máis bens protexidos, esta medida da Consellería de Cultura supón unha oportunidade e un desbloqueo moi importantes”, resalta o tamén alcalde poiense, e pon como exemplo que vai permitir axilizar trámites tan básicos como cambiar unha fiestra ou poder reasfaltar unha estrada na que hai un cruceiro protexido. “Son cuestións básicas que supoñían un auténtico problema de permisos e autorizacións”, engade.
Con todo, puntualiza que se algún alcalde considera que esta medida non lle beneficia, sempre poderán continuar co procedemento como ata o de agora.