Os deputados do Grupo Popular Argimiro Marnotes e Noelia Pérez mantiveron un encontro con representantes de árbitros, adestradores e directivos do deporte ourensán para recoller as súas propostas de actuación sobre a violencia no deporte e trasladarlles a decisión do Goberno galego de exercer a acción popular nos procedementos penais nos casos de violencia no deporte que teñan lugar en Galicia.
Nunha xuntanza cos presidentes galego e ourensán de árbitros de fútbol, o presidente de adestradores de fútbol de Ourense e directivos do voleibol ourensán, Argimiro Marnotes e Noelia Pérez incidiron no pleno compromiso da Xunta coa erradicación da violencia no deporte, que agora dará un paso máis coa modificación da lexislación vixente para poder exercer a acción popular en procedementos penais derivados de calquera acto que poida considerarse violencia no deporte. “O obxectivo final é facer do deporte un espazo seguro, libre de violencia e respectuoso cos calores da convivencia e o xogo limpo”, indicaron.
MECANISMOS SANCIONADORES E MEDIDAS DE INTERVENCIÓN
Así mesmo, os deputados populares informaron que, logo da aprobación por unanimidade dunha iniciativa no Pleno celebrado esta semana, a Xunta dará comunicación aos concellos e clubs federados de Galicia dos mecanismos sancionadores e de todas as medidas de intervención e protección previstas nos protocolos existentes dirixidos á prevención da violencia no deporte.
En concreto, entre as medidas que a Xunta impulsará figuran o reforzo das campañas de prevención e sensibilización en todo o territorio galego contra a violencia no deporte; o impulso de protocolos de boas prácticas para proporcionar ás entidades deportivas e organizadores de competicións ferramentas eficaces na prevención da violencia; a intensificación da capacidade sancionadora da Comisión Galega de Control da Violencia, que poderá iniciar de oficio procedementos sen necesidade de denuncia previa; ou a creación de mecanismos electrónicos accesibles para que a cidadanía poida denunciar situacións de violencia ou condutas contrarias ás normas en eventos deportivos.