O Partido Popular de Galicia trasladou aos autónomos e pequenos empresarios galegos o seu compromiso por mellorar as súas condicións e facer valer o seu esforzo a través da adopción de medidas que lles permitan “dedicarse a traballar e non perder o tempo en loitar contra cada vez máis trabas, máis impostos e máis burocracia”.
Esta semana varios deputados nacionais e senadores do partido no Congreso mantiveron unha xuntanza na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago na que participaron, ademais desta organización, representantes da Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia (APE) e da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA).
Un encontro no que tomaron nota das demandas e necesidades destes colectivos e aproveitaron para presentarlles de primeira man o decálogo de propostas que o presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, vén de presentar co obxectivo de ofrecer aos autónomos galegos e o do resto de España “menos impostos e trabas, máis facilidades para crecer e máis protección”.
As dez medidas deste plan son: exención do IVE a quen factura menos de 85.000 euros; Tarifa Cero para novos autónomos; redución anual das declaracións (de catro a dous ou a unha); non pago das cotizacións durante un ano polo primeiro empregado contratado; non pago das cotizacións polas baixas por enfermidade grave; facilidades para traballar despois da idade de xubilación; compatibilidade do traballo autónomo e o traballo por conta allea; exención de cotas durante dous anos tras a paternidade e maternidade; equiparación dos dereitos por lactación e clarificación; e incremento das deducións de gastos.
Os representantes do PPdeG quixeron subliñar que estas medidas son viables e realizables, poñendo como exemplo a aposta do Goberno galego por facilitar o traballo autónomo con propostas na mesma liña. É o caso da cota cero, para apoiar as novas altas; ou apoios chave como a orde única de axudas, deseñada para reforzar o acompañamento e simplificar trámites.
Esta última, de feito, en 2026 incluirá novidades no programa de promoción de emprego autónomo, que reforza o apoio aos autónomos que inicien a súa actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura e no Bono Remuda, para seguir impulsando a continuidade dos negocios.