O PPdeG traslada ao colectivo de galegos e galegas residentes en Panamá, así como a toda a diáspora distribuída por Centroamérica e outras rexións, as políticas de retorno que a Xunta pon á súa disposición e que contribúen a que “Galicia funcione máis alá das súas fronteiras”.
Así o fixeron esta semana a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, na reunión que mantiveron coa representante do Partido Popular en Panamá, Mariela Estévez, e na que abordaron a situación actual e os desafíos que afrontan os máis de 4.000 galegos e galegas residentes neste país.
Entre as cuestións que se trataron destacou o compromiso de seguir mantendo o contacto coa colectividade galega residente neste país, co obxectivo de reforzar os vínculos das novas xeracións e seguir traballando, tanto coas persoas como coas entidades, para ofrecer respostas axeitadas ás súas necesidades e inquedanzas.
Tamén falaron da necesidade de continuar afondando en políticas de retorno que, como as que o Goberno galego leva anos aplicando, faciliten a empregabilidade e ofrezan mellores oportunidades de vida a todos aqueles que decidan regresar a Galicia.
Así mesmo, apuntaron á necesidade dunha maior implicación do Goberno central nesta tarefa. Por exemplo, axilizando os trámites de homologación dos títulos académicos ou reducindo a burocracia para así remover obstáculos e facilitar a integración dos retornados.