Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez reuníronse cos patróns maiores das confrarías de Porto do Son, Portosín e Lira para trasladarlles a súa preocupación polas campañas de desprestixio do sector do mar que están a levar adiante con intereses partidistas. “Hai pouco máis dun ano tomaron como escusa o vertido de pellets que chegou ás nosas praias e agora utilizan demagoxicamente o proxecto de Altri en Palas de Rei para difamar sobre a calidade dos nosos produtos”, lamentaron.
Nunha xuntanza na que tamén participou o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez analizaron cos representantes das confrarías a situación do sector do mar en Galicia, “no que se abre unha nova etapa coa recente designación do novo comisario de Pesca e Océanos da Unión Europea, Costas Kadis”. Neste sentido, avogaron porque “se aposte por un desenvolvemento pesqueiro sostible, compatibilizando o traballo dos pescadores co respecto polo medio ambiente, porque os galegos somos os primeiros interesados en coidar os recursos marítimos existentes”.
Porén, os deputados populares manifestaron a súa preocupación aos representantes das confrarías polo ruído e as campañas que se fan desde determinados grupos políticos e as súas organizacións satélites que prexudican a boa imaxe dos produtos pesqueiros galegos e de todo o sector relacionado co mar.
“Resulta lamentable que se utilicen accidentes como o da chegada dos pellets ás nosas praias ou agora o proxecto de Altri para sementar dúbidas respecto da calidade dos produtos galegos e bo estado das nosas augas”, sinalaron os deputados populares, quen trasladaron aos responsables das confrarías que “seguiremos traballando, como o viñemos facendo ata agora, por manter e defender a boa imaxe da pesca galega, facendo todo o posible con contrarrestar estes bulos que tanto mal poden facer a este sector”.