Os deputados do Grupo Popular Argimiro Marnotes e Noelia Pérez urxiron hoxe ao Goberno central e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a realización dos traballos necesarios para evitar que as cinzas dos incendios cheguen aos ríos. “Unha vez apagados os lumes, é fundamental crear as barreiras anticontaminantes necesarias, como xa vén facendo a Xunta desde o mes de agosto nas zonas da súa competencia, como é o caso da conca hidrográfica Galicia-Costa”, manifestaron.
Nunha visita á parroquia de Requeixo no concello de Manzaneda, acompañados do portavoz do PP local, Pedro Yáñez, Argimiro Marnotes e Noelia Pérez lamentaron “o retraso co que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se puxo a traballar para evitar estas escorrentías, facendo oídos xordos á proposta realizada pola Xunta de Galicia a finales do mes de agosto para manter unha reunión de coordinación destes traballos preventivos”.
NON PERDER MÁIS TEMPO
“Non se pode perder máis tempo porque entramos en época de choivas e os arrastres das cinzas poden provocar moitos prexuízos nos nosos ríos e captacións de auga, polo que urxe que o Goberno central e a Confederación Hidrográfica asuman as súas responsabilidades e leve a cabo os traballos necesarios no dominio público hidráulico da súa competencia, incluíndo as zonas de servidume que linda coa canle e na de policía que abrangue 100 metros a ambas marxes do río”, concretaron.
Ademais, apuntaron que, “se os traballos de prevención de arrastre das cinzas aos ríos é importante, non o é menos o ausencia total de colaboración do Goberno central para facer fronte á recuperación da superficie afectada polos incendios do verán”.
“Seguimos á espera de que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra o seu compromiso e envíe a Galicia tanto os medios humanos como a maquinaria que desde o Goberno galego se lle solicitou hai 19 días, material que sería de gran valor para reparar as pistas afectadas, o repaso dos perímetros dos incendios ou a limpeza das cunetas para contrarrestar os posibles efectos por arrastre das choivas”, indicaron.