Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, xunto coa tamén deputada e portavoz do PP local, Elena Candia, urxiron hoxe ao Concello de Lugo a responder ao requirimento enviado pola Xunta de Galicia para poder levar adiante as obras de conexión exterior do saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras. “É lamentable que a nula xestión do Goberno municipal estea a provocar un retraso inxustificable nestas obras e paralizando proxectos tan indispensables para a creación de riqueza e emprego neste concello”, sinalaron.
Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron que “hai case ano e medio que a Xunta remitiu ao Concello de Lugo o requirimento sobre a modificación do proxecto construtivo da conexión exterior de saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras, documento polo que a día de hoxe segue esperando e, conseguintemente, retrasando sine die a realización desta obra”.
DEMANDA REITERADA POLA CONSELLEIRA AO ALCALDE EN MARZO
“Non pode ser que un escrito que foi recibido no Concello o 21 de marzo de 2024, e que foi reiterado pola propia conselleira ao alcalde na súa visita á cidade o pasado 20 de marzo, estea a día de hoxe sen darlle resposta, tendo en conta que se trata dun documento indispensable para que a Xunta poida levar adiante un proxecto que axudará no desenvolvemento económico e industrial de Lugo”, sinalaron os deputados populares.
Neste sentido, contrapuxeron “a nula axilidade na xestión dos temas municipais que está a demostrar o Goberno local para facilitar o desenvolvemento industrial en Lugo coa decidida aposta da Xunta pola mellora da competitividade dos polígonos industriais”. En concreto, Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron as axudas da Consellería de Economía e Industria destinadas á mellora da seguridade e da competitividade de polígonos como os das Gándaras ou do Ceao, a través das que poden obter selos ou certificacións de calidade que acrediten que compren determinadas características diferenciais e superiores á media.
A Xunta de Galicia leva investidos no parque das Gándaras cerca de 60 millóns de euros. Neste momento está en proceso de execución a urbanización de dúas novas fases e xa están en tramitación outras dúas, que suporán un incremento da superficie do polígono dun 28 por cento. Con esta actuación, a superficie do parque achegarase aos 1,6 millóns de metros cadrados, dos 2,1 millóns que están previstos en total, e contará cunha mellora das súas comunicacións, dando resposta á demanda existente dos empresarios para contar cunha mellor conexión co polígono do Ceao e un acceso máis directo á autovía A-6.