O PPdeG urxe ao Goberno central a inmediata posta en marcha do réxime especial de franquicia do IVE, previsto na Directiva europea 2020/285 e que debía estar vixente desde o 1 de xaneiro de 2025.
Os deputados autonómicos, Cristina Sanz e José Manuel Mato, acompañados da presidenta provincial do PPdeG, Elena Candia, mantiveron unha xuntanza, en Lugo, con membros dos colectivos Lugo Monumental e Mulleres Líderes de Galicia; co fin de recoller as súas demandas e inquedanzas e abordar, tamén, as consecuencias que está a ter a negativa do Executivo de Pedro Sánchez de aplicar esta medida. E segundo se coñeceu esta mesma semana, Bruxelas levou a España ao TJUE por non traspoñer esta Directiva.
Tal e como explicou Cristina Sanz, esta demora supón máis burocracia, máis custes e menos competitividade para os pequenos negocios, ademais dunha importante desvantaxe competitiva fronte a outros Estados membros que xa aplican a franquía. De aí que avoguen pola súa aplicación urxente, xa que deste xesto se aliviaría de forma considerable a carga fiscal de máis de 20.000 autónomos na provincia –arredor duns 100.000 en Galicia-, que teñen un volume de negocio anual por debaixo dos 85.000 euros.
Neste punto, os parlamentarios populares aproveitaron o encontro para trasladarlles a iniciativa que o Grupo Popular presentou no Parlamento de Galicia e na que se insta ao Goberno a que deixe de afogar aos traballadores por conta propia, xa que lles impide optar por un réxime que simplifica a facturación e evita as liquidacións periódicas do IVE, co consecuente aforro de tempo e custes. “Ata cando vai seguir con esta asfixia inxusta e inxustificable?, lamentou Cristina Sanz, quen sinalou que esta medida está orientada a reducir os custes administrativos e a aliviar a carga burocrática e financeira.
O APOIO DA XUNTA A AUTÓNOMOS E PEMES
Asemade, fixeron fincapé na sensibilidade que o Goberno galego está a ter co colectivo dos autónomos e pemes. Neste punto, José Manuel Mato puxo en valor as diferentes accións que en apoio deste colectivo desenvolve na nosa Comunidade, enmarcadas na Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, a cal conta cun orzamento total de 360 M€ ata 2027. E salientou a ampliación a dous anos da cobertura da cotra cero no programa de promoción do emprego autónomo para aquelas persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, gandaría ou silvicultura; o reforzo do Bono Remuda, destinado a facilitar a transmisión de negocios; ou accións destinadas a favorecer o retorno ao autoemprego.