O Partido Popular de Galicia valora positivamente o traballo desenvolvido pola Xunta na 27ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27) na medida en que este evento supuxo “unha excelente oportunidade para presentar ante o mundo a folla de ruta na que Galicia leva anos traballando para loita contra o cambio climático”.
Desde a Comisión de Medio Ambiente do PPdeG consideran que o compromiso do Goberno galego en materia de protección medioambiental é “inequívoco” e poñen en valor o feito de que “50 de cada 100 euros dos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda van destinados a iniciativas aliñadas co cambio climático”.
A presidenta desta comisión, Marisol Díaz Mouteira, cita a execución da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, a coordinación do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía ou a posta en marcha da iniciativa ‘Alianza galega polo clima’ como como exemplos desa folla de ruta coa que a Xunta “pretende converter á nosa Comunidade nun referente internacional no ámbito do clima”.
Unhas accións que van acompañadas por unha batería de normas pioneiras neste eido como a primeira Lei do clima de Galicia, a Lei de residuos e solos contaminados ou a futura Lei de ordenación do litoral.
Sobre esta última, a presidenta da Comisión de Medio Ambiente afirma que é “fundamental para a protección e a conservación dun dos maiores tesouros ambientais que temos na nosa Comunidade: a costa”. Reivindicando tamén que esta futura lei parte dunha formulación baseada “non só nunha perspectiva ambiental, senón tamén social e económica”.
AS POTENCIALIDADES DE GALICIA NO ÁMBITO DAS ENERXÍA RENOVABLES
Galicia estivo representada na COP27 pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez; que durante diversos días mantivo en Exipto encontros de primeiro nivel con diferentes autoridades da Comisión Europea e empresarios aos que tivo a oportunidade de dar a coñecer as iniciativas e proxectos nos que está a traballar a Xunta para contribuír á loita contra o cambio climático.
A conselleira puxo en valor que Galicia é a segunda comunidade española en enerxías renovables, reivindicando as súas potencialidades no eido da eólica e dando a coñecer a estratexia seguida polo Goberno galego en materia de eficiencia enerxética no sector residencial.