Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón visitaron a sede do distrito forestal XIV no concello de Verín para comprobar o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais que se dispón en Galicia, no que unha das súas referencias é este distrito ourensán no que traballan directamente máis de 200 persoas.
Os deputados populares fixeron un percorrido polas instalacións, que abarcan unha superficie próxima aos 2.500 metros cadrados nas que se instalou unha base da unidade operativa na que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios pode conciliar o traballo co descanso.
A sede conta dos dúas plantas. Unha primeira acolle a sede e o centro de coordinación, desde onde se xestiona a loita contra os incendios forestais a través dun sistema de vixilancia forestal implantado pola Xunta, mentres que a outra é utilizada polo persoal da base da unidade operativa, e conta con zona de vestiarios, aseos, sala de formación, almacén e zona de ocio, ademais dun espazo suficiente para gardar os vehículos todoterreo e as motobombas.
O dispositivo de loita contra os incendios forestais en Galicia está integrado este ano por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta de Galicia e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.
Unha das cuestións nas que se prestará maior atención á posibilidade de coñecer con antelación o risco de lume, deseñando estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de incendios e a superficie queimada. No caso concreto da sede do distrito forestal XIV de Verín, este ano conta con 19 cámaras de vixilancia ao estar considerado todo o distrito como zona de alto risco de incendios, ao tempo que se continúa desenvolvendo unha ferramenta para controlar os riscos e os lumes transfronteirizos, no marco dunha colaboración establecida con Portugal.