Santiago, 12 de setembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, salientou hoxe no Parlamento a “total normalidade” na implementación da primeira fase do novo plan de transporte, “a pesar dos negros presaxios da oposición”. Neste sentido, dixo que se trata dun “plan vivo que a Xunta seguirá mellorando e axustando en continuo diálogo cos axentes implicados, en especial cos concellos que están próximos e coñecen as demandas e necesidades”.
Martín Fernández considerou que este resultado é “unha boa noticia” porque “a modernización do transporte é un elemento clave para a igualdade, a integración e o desenvolvemento no rural”. Deste xeito, dixo que “nestes asuntos de construción de país a oposición debe ter unha postura máis responsable e construtiva”.
Ademais, o portavoz popular avanzou que “os axentes implicados teñen garantida a súa participación no proceso de implantación tanto desta primeira fase do plan de transporte como de cara á licitación de todo o transporte público de Galicia no ano 2019”.