Santiago, 23 de xaneiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe que a sobrecarga asistencial nos servizos de urxencia en inverno “prodúcese en todos e cada un dos hospitais das distintas comunidades autónomas españolas” e avogou porque “todos debemos colaborar para mellorar as taxas de vacinación e a educación sanitaria da poboación en relación coa utilización dos servizos de urxencia hospitalarios”.
Aurelio Núñez explicou que “este ano houbo factores que contribuíron a aumentar a demanda asistencial por parte da cidadanía, como o adiantamento do pico de actividade gripal; a prevalencia dunha cepa de virus non contemplada na vacina deste ano; ou a escasa taxa de poboación de risco vacinada”.
HABILITACIÓN DE CAMAS
“Así mesmo, tense constatado por parte dos profesionais e autoridades sanitarias unha utilización excesiva dos servizos de urxencias hospitalarios para cadros clínicos que se resolverían de igual xeito en atención primaria, a nivel de médico de familia ou de punto de atención contínua”, apuntou.
O portavoz popular asegurou, recollendo declaracións do propio conselleiro de Sanidade, que “habilitáronse camas segundo as necesidades e as posibilidades de cada hospital, aínda que recoñeceu que “hai marxe de mellora na asistencia de urxencias priorizando a asistencia diante do confort”.
“As sobrecargas en urxencias prodúcense por aumento da demanda e por escaseza de drenaxe de doentes cara as plantas”, sinalou o portavoz popular, quen considerou “fundamental axilizar as altas hospitalarias de enfermos ingresados, limitando o tempo de ingreso hospitalario á duración precisa”.