Santiago, 12 de abril de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, criticou hoxe que “os socialistas racharan o acordo unánime aprobado polo Pleno do Parlamento demandando ao Goberno central a ampliación do lista de enfermidades consideradas raras, co único obxectivo de intentar ganar un puñado de votos”.
Aurelio Núñez lembrou que a proposición non de lei aprobada o pasado mes de febreiro respondía á demanda realizada pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) a todos os grupos parlamentarios, e que se acordou levar a Pleno de xeito conxunto.
“É lamentable que os socialistas miren unicamente polo seu interese partidista e rebenten o acordo unánime deste Parlamento, rexeitando incluso a emenda presentada hoxe polo Grupo Popular e que reiteraba literalmente o aprobado polo Pleno”, sinalou.
Ademais, o portavoz popular lamentou que os socialistas galegos defendan unha iniciativa que “despreza e desvaloriza aos profesionais sanitarios e incorpora cuestións absolutamente afastadas do eixo da proposta que presentaron a nivel nacional”.
“Tamén cometen erros lamentables ao referirse a enfermidades notoriamente incapacitantes, termo que non aparece no real decreto que todos pretendemos modificar e mellorar”, sinalou Núñez Centeno. Neste sentido, apuntou que “non todas as persoas que teñan unha discapacidade ou incapacidade teñen por que padecer unha enfermidade grave que precise coidados directos, continuos e permanentes”.