Santiago, 17 de xaneiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe no Parlamento que “o problema fundamental da saturación dos servizos de urxencias nos hospitais é a drenaxe dos enfermos cara as plantas hospitalarias”.
Núñez Centeno explicou que “todos os manuais e todos os especialistas que traballan nas urxencias hospitalarias están de acordo en que hai que axilizar as altas hospitalarias, tanto adiantando as mesmas á primeira hora da mañá como limitando o tempo de ingreso hospitalario á duración precisa”.
SITUACIÓN SIMILAR EN TODA ESPAÑA
Porén, lamentou que “aínda que sexan propostas feitas por profesionais ou aparezan nos manuais de urxencias hospitalarias, cando se adoptan estas medidas son criticadas polos grupos da oposición ou sindicatos sanitarios, porque consideran que non son válidas para Galicia nin para calquera outra comunidade autónoma española”.
O portavoz popular sinalou que “todos temos que colaborar para mellorar a taxa de vacinación e a educación sanitaria da poboación en relación coa utilización dos servizos de urxencias hospitalarias”.
Así mesmo, lembrou que a saturación vivida estas semanas nos servizos de urxencia dos hospitais galegos “é unha situación similar á que están sufrindo nos hospitais de toda España”. Neste sentido, fixo referencia a un recente informe do sindicato de enfermería no que destacaban negativamente a situación vivida en hospitais de Mérida, Barcelona, Santander, Segovia, Zaragoza ou Alacante, e en menor medida tamén se citaba a Xixón, Logroño, Biscaia, Canarias, Baleares, Madrid, Andalucía e, por último, A Coruña.
Aurelio Núñez salientou que nestes días de saturación “o persoal de urxencias está a traballar ao cen por cento, cubríndose a totalidade das baixas a pesar das dificultades existentes para acadar substitutos para as mesmas, reforzándose o persoal cun cento de profesionais de media cada día incluíndo médicos, enfermeiros e outras categorías como técnicos de laboratorio”.