Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos criticaron hoxe a “desfeita” que o Goberno de Pedro Sánchez está a facer coa realización dos exames de formación sanitaria especializada (MIR), algo que funcionaba ben e o Ministerio de Sanidade “estao convertendo nun proceso opaco, centralizado e inseguro para miles de aspirantes”, ante o que esixiron “explicacións inmediatas, diálogo coas comunidades autónomas e respecto polos profesionais sanitarios”. Así mesmo, avanzaron que o Grupo Popular demandará desde o Parlamento galego explicacións a esta situación que está a provocar unha grave crise profesional e institucional na sanidade pública española.
García Comesaña e Manuel Santos acusaron ao Goberno de Pedro Sánchez de “destrozar todo o que toca, como xa fixo co Estatuto Marco e agora coa organización do exame MIR de 2026, xerando unha grave crise profesional e institucional”. Neste sentido, referíronse á recente dimisión masiva dos comités de expertos encargados da elaboración do exame (nas especialidades de Medicina, Farmacia, Enfermaría, Física e Química), “o que evidencia a ruptura coa tradición de rigor, independencia e consenso que caracterizaba o proceso”.
CASTIGO SEN SENTIDO
A eliminación da sede do exame MIR en Vigo é “especialmente preocupante xa que obrigará a centos de aspirantes desta área metropolitana a realizar longos desprazamentos, cun claro prexuízo persoal e económico”, indicou o viceportavoz popular. “É un castigo sen sentido a unha das áreas sanitarias máis potentes de Galicia”, subliñaron os representantes populares.
Ademais, lembraron que o Ministerio de Sanidade tomou decisións unilaterais, como reducir o número de colaboradores por experto, recortar as retribucións ou trasladar parte da organización ao Ministerio de Función Pública, sen contar coas comunidades autónomas nin co consenso dos profesionais.
No eido da planificación sanitaria, os deputados populares denunciaron tamén a inacción do Ministerio ante o déficit recoñecido de 4.500 médicos de familia. “En lugar de actuar con ambición, este ano só se incrementaron en 36 as prazas de Medicina Familiar e Comunitaria, moi lonxe das 1.000 prazas anuais comprometidas polo Congreso e o Senado para paliar o déficit”, lamentaron.