Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- A totalidade dos deputados dos catro grupos parlamentarios do Parlamento galego rexistraron hoxe unha nova proposición de Lei a través da que se solicita a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da titularidade e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión, así como as funcións e servizos ata agora exercidos pola Administración xeral do Estado en relación coa AP-9.
No novo texto acordado entre todos os grupos parlamentarios e co asesoramento dos Servizos Xurídicos do Parlamento galego, elimínase o texto da proposición de lei anterior que motivou o informe negativo por parte dos servizos xurídicos da Administración central.
En concreto, na nova proposición de lei elimínase o prazo máximo de seis meses para o traspaso efectivo da AP-9 e incorpórase que este traspaso “non suporá incremento algún dos créditos nin diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor”.