26 de xuño de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia que se celebra mañá acollerá o xura ou promesa dos cinco novos deputados do Grupo Popular, que veñen substituír aos catro que saíron elixidos alcaldes e á nova secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Así mesmo, na mesma sesión plenaria procederase ao debate para a aprobación da Lei reguladora dos xogos de Galicia. O portavoz popular, Pedro Puy, informou tamén da aprobación esta mañá na Comisión 2ª do ditame do proxecto de Lei do litoral de Galicia, co que esta nova norma queda en disposición para a súa aprobación no vindeiro Pleno do 4 de xullo.
Pedro Puy explicou os cambios que se introducen no Grupo Popular coa incorporación dos novos deputados. Así, Katherinie Varela Fernández, substitúe a Sandra Vázquez, que foi nomeada Secretaria Xeral de Igualdade a pasada semana; Paula Mouzo Mas, substitúe a José Manuel Rey, alcalde de Ferrol; Ángel Rodríguez Conde, entra en lugar de Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón; Susana López Abella, substitúe ao novo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; e, por último, Moisés Blanco Paradelo entra no sitio que deixa Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas.
FONDAMENTE FALADA
A sesión plenaria inclúe o debate para a aprobación do proxecto de Lei reguladora dos xogos de Galicia, “unha norma necesaria para adecuar a lexislación vixente do ano 1985 e adaptarse á realidade deste sector na actualidade, que ten mudado moito nos últimos anos”, manifestou o portavoz popular. Así mesmo, salientou “o longo período de preparación que tivo este texto lexislativo”, a través dun grupo de traballo no que participaron todos os sectores relacionados co xogo, a Administración autonómica, as universidades e as asociacións de loita contra a ludopatía, ademais de atender as recomendacións de profesionais coñecedores da problemática das adicións.
“Pero ademais foi unha lei fondamente falada no trámite parlamentario, incorporando finalmente 23 das 46 emendas do BNG e 11 das 21 das presentadas polo PSdeG”, destacou Puy, quen apuntou que “estas aportacións melloraron o texto inicial, incorporándose novas medidas de prevención e cambiando determinados aspectos na redacción que contribúen a facelo máis sinxelo e comprensible”.
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno desta semana, Pedro Puy dixo que “son importantes para a Galicia do futuro”. En primeiro lugar, pídese unha reunión urxente do Comisionado do Corredor Atlántico coas comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León, a fin de coñecer os compromisos do Goberno central con esta infraestrutura ferroviaria.
ALARMANTES NOVAS SOBRE O CORREDOR ATLÁNTICO
Pedro Puy cualificou de “alarmantes” as últimas novas coñecidas sobre o Corredor Atlántico, xa que o Goberno de Pedro Sánchez non presentou ningún proxecto ao fondo de 6.200 millóns de euros da Unión Europea para o Corredor do Noroeste, polo que manifestou que “comprendemos ese absentismo á hora de atender a solicitude de reunión co Comisionado” pola falta de boas novas respecto da construción desta infraestrutura de transporte.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular incide na necesidade de que o Goberno de España destine fondos europeos aos proxectos industriais tractores da economía galega. “Levamos anos facendo un traballo exemplar pero seguimos sen ter coñecemento de posibles apoios para proxectos como o de Stellantis, Resonac, Sentury Tire, Altri ou Forestal do Atlántico”.
“É imprescindible que haxa certezas respecto dos fondos europeos que podan chegar a estes proxectos e estamos sorprendidos da falta de resposta do Goberno de Pedro Sánchez, cando vemos que ao mesmo tempo se conceden axudas directas a Cataluña ou Valencia para o vehículo eléctrico; ou para a descarbonización en Asturias”, dixo.
INCORPORADAS O 40% DAS EMENDAS DO BNG
Por último, e a modo de avance do último Pleno do actual período de sesións que se celebrará a vindeira semana, Pedro Puy indicou que se procederá ao debate de aprobación do proxecto de Lei do litoral de Galicia, unha vez que a Comisión 2ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame, coa abstención tanto do BNG como do PSdeG.
O portavoz popular lamentou que o PSdeG “se desentendera” do debate deste texto lexislativo e rexeitara facer aportacións, “decidindo asistir como convidados de pedra ao debate”. Porén, destacou que finalmente se aceptaran 25 emendas do BNG e se transaccionaran outras 9 máis, “co que estamos a falar de que o texto final incorpora practicamente o 40 por cento das propostas realizadas polos nacionalistas”.
“Estamos ante unha lei que ten moita relevancia para o litoral galego, non só desde un punto de vista político senón tamén porque, unha vez que se materialice o traspaso, Galicia poderá exercer esas competencias sobre o litoral, combinando perfectamente o uso racional e rendible do litoral coa súa conservación e protección”, engadiu.