Os deputados do PPdeG no Congreso sitúan o avance na transferencia da AP-9 como unha das súas prioridades no novo curso político e, neste sentido, avogan por axilizar a súa tramitación parlamentaria para “evitar que se repitan boicots” como os que se deron na pasada Lexislatura por parte do PSOE e os seus socios de goberno.
Logo da toma en consideración da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico a Galicia na Cámara Baixa o pasado mes de xuño, agora unha Ponencia debaterá o texto e terá que remitir un informe á Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible. Un proceso no que os deputados galegos Celso Delgado, Tristana Moraleja e Pedro Puy exercerán como ponentes en representación do Grupo Popular.
Actualmente a tramitación da iniciativa atópase en fase de presentación de emendas por parte dos grupos políticos e, dado que na pasada Lexislatura o PSOE, Sumar e Podemos “boicotearon” este proceso “prorrogando ata quince veces o prazo de presentación de emendas”, os populares demandan á Mesa do Congreso que peche o prazo neste mes de setembro.
Desde o Partido Popular lamentan que esta iniciativa lexislativa teña que volver iniciar o seu proceso de tramitación no Congreso dos Deputados logo de chegar a acumular ata 15 prórrogas acordadas polos representantes do PSOE e Podemos na pasada Lexislatura. Un bloqueo especialmente “sorprendente” por parte das filas socialistas, xa que, tal e como recordan os populares, “bloquearon un texto literalmente idéntico ao aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia”.
“Sorprendeunos que o PSOE boicotease en Madrid o que en Galicia afirmaba que apoiaría”, engaden a este respecto insistindo en que o compromiso do Partido Popular foi en todo momento “respectar a literalidade da proposta aprobada no Parlamento galego”.
Pola contra, as emendas presentadas polos socialistas “buscaban desactivar a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 e limitala a unha transferencia de competencias sobre a administración e a explotación”. É dicir, que a titularidade da autoestrada continuase en mans da Administración Xeral do Estado, como ata o de agora.
“Foi a posición boicoteadora dos socialistas ao longo da pasada Lexislatura a que impediu que as Cortes aprobasen a Proposición de Lei Orgánica que faría efectiva a transferencia da AP-9 a Galicia”, conclúen neste sentido.
Desde o PPdeG piden “coherencia” ao PSOE neste novo proceso de tramitación e demándalles que cumpran coa súa palabra logo de que nas pasadas eleccións autonómicas “prometeran a gratuidade da AP-9 e da AP-53”, ademais de incluír este compromiso no seu pacto de investidura co BNG.