Os deputados do PPdeG no Congreso, por iniciativa de Rosa Quintana, veñen de reclamar formalmente o acceso ao ditame do Consello de Estado no que o Goberno central xustifica o seu recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Un informe que, cómpre salientar, nin o Goberno galego – precursor da propia normativa – nin ningunha outra institución de Galicia puideron conseguir a pesar do seu interese e da súa importancia. De feito, os parlamentarios populares insisten a este respecto na diferencia entre o Goberno central e a Xunta no que se refire á súa capacidade de diálogo.
Mentres o Goberno galego, ante posibles discrepancias con novas leis estatais como aconteceu coa Lei de vivenda, aposta polo diálogo e naquel momento solicitou a apertura dunha comisión bilateral; o Goberno central acude directamente ao Tribunal Constitucional sen antes procurar unha solución dialogada ás diferencias de criterio.
“Onde uns apostamos polo diálogo, outros prefiren sacar toda a súa artillería xurídica”, resumen os deputados do PPdeG na Cámara Baixa ao tempo que lamentan que Pedro Sánchez actúe deste xeito con Galicia precisamente nun momento no que está a negociar a súa investidura a cambio de conceder unha amnistía a delincuentes fugados, permitir a celebración un referendo de independencia e condonarlle 450.000 millóns de euros de débeda a Cataluña.
“Resulta curioso que para Pedro Sánchez o maior risco á Constitución española que hai agora mesmo sexa o que procede de Galicia por exercer as competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía e tratar unicamente de protexer as 4.000 edificacións e 100 empresas da cadea mar-industria ameazadas precisamente pola normativa costeira do Estado”, conclúen.