Santiago, 12 de xaneiro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que os dous expertos que compareceron hoxe na Comisión de estudo sobre o financiamento autonómico “coincidiron en rexeitar o documento presentado recentemente polo Goberno central sobre financiación, xa que os axustes que contempla na definición da poboación axustada prexudicarían notablemente a Galicia ao minusvalorar o criterio da dispersión da poboación”.
En concreto, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e membro do Comité de Expertos para a reforma do financiamento autonómico a proposta do Parlamento galego, Santiago Lago, advertiu do feito de que no documento presentado polo Goberno central se incorporan novos criterios de carácter xeográfico que, ademais de redundantes con algún xa existente (superficie), provocarían unha diminución importante na aplicación do actual criterio de dispersión.
GASTO EN SANIDADE, MENOS VALORADO
Os expertos sinalaron tamén que o gasto en sanidade aparece menos valorado do que debería, se temos en conta os datos de gasto liquidado. Ademais, o paso de 7 a 20 tramos parece diminuír o financiamento que se percibe pola poboación maior de 65 anos na actualidade, cando o gasto efectivo nesta materia aumenta exponencialmente a partir desa idade.
Pedro Puy tamén destacou que Santiago Lago situou a proliferación dos sistemas de cupo forais como o primeiro risco que ten Galicia no novo financiamento, porque reducirían as partidas que recibirían as comunidades autónomas con renda por baixo da media. Por iso, avogou por unha nivelación total, e non parcial como a incorporada no sistema de 2009.
Santiago Lago pronunciouse abertamente en contra da descentralización do imposto de sociedades, ao entender que mesmo está xa condicionado por acordos internacionais, e avogou por reforzar a participación das comunidades autónomas en todo o relativo á configuración e aplicación do sistema de financiamento autonómico.
Finalmente, advertiu sobre os riscos de que a poboación pese máis que outros factores ou que se condone de forma uniforme a débeda das comunidades autónomas.
Respecto das propostas aportadas por Santiago Lago para o novo financiamento autonómico figuran a nivelación de todos os servizos públicos, reforzar o grao do avellentamento e do espallamento da poboación, evitar as revisións anuais e reforzar o Fondo de Compensación Interterritorial (onde concretou que Galicia debería recibir 300 millóns de euros máis cada ano).