4, novembro, 2022. A deputada nacional Marta González e a senadora Pilar Rojo consideran que os Presupostos Xerais do Estado para 2023 son “uns orzamentos retraídos para a nosa Comunidade” e que supoñen “un novo agravio de Pedro Sánchez a Galicia”. Así o afirmaron esta maná nunha comparecencia na sede autonómica do partido na que explicaron en liñas xerais as emendas que os representantes galegos do Partido Popular xa presentaron no Congreso dos Deputados e nas vindeiras semanas presentarán no Senado.
Un total de 216 emendas por valor de algo máis de 757 millóns de euros coas que pretenden “recuperar, na medida do posible, os agravios que sofre Galicia por parte do Goberno central” e que “os Presupostos si estean con Galicia e non deixen fóra de xogo á nosa Comunidade”.
Neste sentido, a senadora Pilar Rojo apuntou que “as continuas visitas de ministros a Galicia non repercuten en absoluto nunha mellora das condicións da Comunidade” e que “os números se fan grandes para comunidades como Cataluña mentres se fan cada vez máis pequenos para Galicia”. Algo que, na súa opinión, se debe a que “Pedro Sánchez unicamente busca un rédito electoral nestes Presupostos”.
“Os 13 senadores e 10 deputados do Partido Popular que representamos a Galicia neste momento vemos máis de preto que ninguén como, nas Contas públicas ‘máis expansivas’ da historia segundo o Goberno de Sánchez, o Orzamento para a nosa terra se estanca”, engadiu.
Unha idea na que afondou tamén a deputada Marta González, que cifrou a baixada do peso estatal de Galicia nestes Orzamentos nun 8% “cando co Goberno de Rajoy chegou ao 14%”; asegurando ademais que se incorporan partidas que “é de sobra sabido que non se van executar”.
González sinalou que as emendas presentadas polos representantes do Partido Popular de Galicia en Madrid inciden fundamentalmente nas competencias do Ministerio de Transportes e se centran na mellora das estradas e do ferrocarril. “Aí se concentra o 81% do montante total das nosas emendas, máis de 600 millóns de euros, para que Sánchez deixe de desconectar a Galicia”, afirma.
Outra parte importante, “case un 11%”, afonda no Ministerio de Transición Ecolóxica e tamén no Ministerio de Industria. Dous departamentos que, tal e como apuntaron, “aínda se están aclarando sobre o futuro de Galicia neste eido”, citando expresamente o caso da reactivación da central térmica de As Pontes.
Finalmente, preto de 8 millóns de euros correspóndense a emendas dirixidas ao Ministerio do Interior “tanto para demandas de efectivos nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na Comunidade como para a mellora de instalacións e dependencias”. Aos que se sumarían outras actuacións “centradas no saneamento das rías e nas infraestruturas portuarias”.
“A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, as nosas catro provincias, merecen un trato mellor, e cremos que este traballo demostra que, se hai intención, o Goberno central pode estar ao carón de Galicia e dos galegos”, concluíu Marta González antes de apuntar que “por parte dos deputados e senadores galegos do Partido Popular, o noso voto será sempre non a unhas contas que, polo momento, son contos para Galicia”.
“FEIJÓO É O PRESIDENTE QUE PRECISA ESPAÑA”
Pilar Rojo aproveitou tamén a súa intervención para poñer en valor o traballo e a presenza de Alberto Núñez Feijóo no Senado: “Temos a gran sorte de contar co galego que a maioría dos españois ven como alternativa ao desgoberno de Sánchez”.
Non dubidou en afirmar que o seu compañeiro na Cámara Alta é “o presidente que precisa España”, apelando a unha maioría que cre que “España debe brillar e esa España brillante debe estar liderada por Feijóo e o seu equipo”. De feito, na súa opinión, se Feijóo estivese á fronte do Goberno, “este arduo traballo en forma de emendas non sería necesario”.