Santiago, 4 de outubro de 2022.- Os portavoces e a portavoz dos tres grupos parlamentarios na Cámara galega, Pedro Puy, Ana Pontón e Luís Álvarez, remitiron hoxe tres cartas dirixidas ao comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkeviĉius; ao embaixador na Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER), Marcos Alonso Alonso; e ao Presidente da Comisión de Pesca (PECH) do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, na que lle trasladan e solicitan o cumprimento do acordo aprobado por unanimidade no Pleno do pasado 28 de setembro en defensa da flota pesqueira galega de arrastre de fondo.
En concreto, este acordo pon de manifesto a necesidade de “rectificar e anular o Regulamento UE 2022/1614 da Comisión, do 15 de setembro de 2022, polo que se determinan as zonas de pesca en augas fondas e se establece unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan”, por entender que este veto á pesca de fondo é especialmente lesivo para os intereses de Galicia.
Con esta iniciativa trátase de facer chegar do xeito máis rápido posible a opinión unánime de todos os deputados e todas as deputadas do Parlamento galego contraria a esta decisión adoptada pola Comisión Europea.
Axuntamos carta asinada polos portavoces e a portavoz, así como o acordo certificado do Parlamento que se remitirá ao comisario europeo.