7, novembro, 2022. Os representantes do Partido Popular na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Senado realizan unha visita a Galicia o luns 7 e o martes 8 de novembro co obxectivo de coñecer de primeira man a situación das infraestruturas galegas e avanzar nas reclamacións ao Goberno central nesta materia.
A delegación, encabezada pola senadora galega Pilar Rojo, estará composta polos senadores Francisco Bernabé, Carolina Agudo, Antonio Silván, Javier Lacalle, Juan José Sanz Vitorio, Carlos Yécora e Antonio Román.
“O que queremos é que os membros desta Comisión coñezan de primeira man e xunto aos nosos representantes a situación das infraestruturas galegas e comproben in situ a desconexión á que Pedro Sánchez condena a Galicia”, sinala Pilar Rojo.
Ao tempo, cita como exemplos das “grandes infraestruturas das que están a deixarnos fóra” a “exclusión do mapa de mercadorías ferroviarias ou a falta dunha aposta clara polo Corredor Atlántico e pola liña de alta velocidade Vigo-Oporto”.
Durante a visita manterán diversos encontros e reunións de traballo tanto con representantes do PPdeG a nivel autonómico e local como con representantes de asociacións empresariais e comerciais nas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo.