Santiago, 16 de febreiro de 2016.- A deputada popular Marían García Míguez indicou hoxe no transcurso da Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento que “abordar a problemática da violencia de xénero dende as aulas é básico” e nese sentido sinalou que “a educación en igualdade é o principio do fin da violencia”.
Marián García indicou que a sociedade cambiou dun xeito integral e “falamos da Galicia 4.0, cunha política industrial punteira e os avances en sanidade, benestar social, turismo, infraestruturas, medio ambiente, economía, cultura,.. ao que non podemos deixar de engadir a educación e a igualdade”
A deputada popular fixo a súa intervención no transcurso dunha pregunta á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, sobre as actuacións da Xunta encamiñadas a fomentar unha educación en igualdade e libre de violencia de xénero.
Marián García agradeceu a reposta da secretaria xeral de Igualdade que sinalou os importantes avances do Goberno galego encamiñados a fomentar a Igualdade no ámbito educativo, destacando a incorporación como materia autonómica de libre configuración a asignatura “igualdade de xénero” para este curso escolar 2016-2017, unha ferramenta educativa coa que se busca concienciar sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e,deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia.
Tamén destacou a secretaria xeral a elaboración do I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 que ten como principios fundamentais a introdución da igualdade de xénero como elemento transversal, a construción dunha sociedade igualitaria empregando a educación, buscar o obxectivo violencia cero nas aulas e na sociedade e educar na integración plena das persoas, por riba da súa opción afectiva ou sexual.
Asi mesmo Susana López Abella lembrou as dúas importantes exposicións que se están a levar a cabo desde a Secretaría Xeral nos centros educativos como son “Á violencia de xénero…dille non !” e a de “Premios María Josefa Wonenburger Planells”. Na primeira incide na importancia da sensibilización e prevención ante a violencia de control entre adolescentes, para que os mozos e mozas identifiquen e rexeiten condutas sexistas Na segunda a Secretaria Xeal recoñece ás mulleres científicas de Galicia coa intención de visibilizar e facer chegar aos mozos e mozas as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.