O PARLAMENTO APROBA A MODIFICACIÓN DA LEI DE COORDINACIÓN DE POLICÍAS LOCAIS, QUE DESBLOQUEA OS PROCESOS PARA INCORPORAR NOVOS AXENTES NOS CONCELLOS
· O deputado popular dixo que a partir de agora dous concellos limítrofes poderán asociarse para prestar servizos de policía local, sempre que non superen en conxunto os 40.000 habitantes
Santiago, 28 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a modificación da Lei de coordinación de policías locais, “unha lei necesaria, garantista e consensuada cos axentes afectados e os concellos, que desbloquea os procesos de introdución de novos axentes nos concellos”, manifestou o deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira.
Na súa intervención na sesión plenaria, Moreira concretou que o Goberno galego decidiu abordar a reforma da Lei de coordinación de policías locais do ano 2007 “para adaptala á normativa vixente e aos distintos pronunciamentos xudiciais” sobre a materia, como a eliminación do límite de idade para o acceso aos corpos da policía local.
SEGURIDADE XURÍDICA
Jacobo Moreira apuntou que coa nova lei “dótase de seguridade xurídica aos concellos para a convocatoria de procesos selectivos de novos axentes de policía local, evitando a parálise case absoluta de convocatoria de prazas existente na actualidade”.
“Trátase dunha reforma consensuada tanto coas administracións locais como cos profesionais, que xurdiu do traballo da Comisión de Coordinación de Policías Locais e conta ademais cos parabéns das forzas sindicais”, indicou o deputado popular.
Moreira afirmou que esta nova lei “responde ás principais demandas dos sector: da seguridade xurídica, elimina as discriminacións arbitrarias, flexibiliza os procesos selectivos, da maior mobilidade aos axentes e facilita a súa permanencia en activo”.
Entre as novidades que incorpora este novo texto lexislativo, Jacobo Moreira salientou que os concellos poidan asociarse para a adquisición ou disposición de equipamentos conxuntos, ao tempo que se vai permitir que dous ou máis concellos limítrofes se poidan asociar para prestar servizos de Policía Local, sempre que non superen en conxunto os 40.000 habitantes”.