O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través do que se solicita ao Goberno central que complete a dotación de 15 millóns de euros solicitados por Galicia no marco do PERTE Nova Economía da Lingua para o financiamento do Proxecto NÓS, unha iniciativa da Xunta e a Universidade de Santiago que situará ao galego ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo no ámbito tecnolóxico.
O portavoz popular de Lingua, José Luís Ferro, explicou que o PERTE Nova Economía da Lingua “presentouse polo Goberno central como unha oportunidade para aproveitar o potencial do español e das linguas cooficiais como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a intelixencia artificial, a tradución, a aprendizaxe, a divulgación cultural, a produción audiovisual, a investigación e a ciencia. A nivel económico, conta cun orzamento de 1.100 millóns de euros de investimento público, co obxectivo de mobilizar outros 1.000 millóns de investimento privado.
FERRAMENTAS GRATUÍTAS
Pola súa banda, o Proxecto NÓS, presentado hai pouco máis dun ano, “naceu para que o galego non perda o tren da dixitalización, pois a nosa lingua non pode ficar excluída dos novos recursos tecnolóxicos presentes e futuros”, sinalou José Luís Ferro. En concreto, dixo que esta iniciativa “traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais, para o que se desenvolveron tres aplicacións sen precedentes en Galicia, que permitirán a interacción da lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos: un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de fala e un sistetizador de voz.
“Estes avances están a disposición de calquera persoa, empresa ou proxecto para que os poida utilizar de xeito gratuíto, permitindo non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”, sinalou o portavoz popular.
O Proxecto NÓS foi introducido no PERTE Nova Economía da Lingua “e suporá o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia”, manifestou José Luís Ferro, quen engadiu que “a evolución deste proxecto respecto ás tecnoloxías favorecerá que a tradución e o uso das linguas cooficiais en todo tipo de institucións e foros poida ser posible en igualdade de condicións coas grandes linguas”.