A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reiterou hoxe que “nestes días tan duros que estamos a vivir en Galicia, a prioridade absoluta do Goberno da Xunta foi e segue sendo conter os lumes canto antes e, sobre todo, evitar consecuencias persoais”.
“Desde o primeiro momento, tanto o presidente Alfonso Rueda como todo o PPdeG puxemos por diante a responsabilidade e a unidade. Eu mesma pedín deixar a un lado calquera enfrontamento político, porque todos os cargos do noso partido estiveron —e seguen a estar— ao servizo da emerxencia, colaborando onde fixera falta. Este era o momento de remar todos xuntos”, subliñou.
Paula Prado lembrou que, mentres milleiros de persoas loitan contra o lume, “o mínimo que lles debemos é respecto e apoio, non utilizar esta traxedia para facer política partidista”. Por iso cualificou de “incomprensible, aínda que non sorprendente” a actitude do BNG, que “a pesar de afirmar ao principio da semana que a prioridade era apagar o lume, preferiu impulsar manifestacións co país ardendo”.
“Do mesmo xeito, a vicepresidenta Yolanda Díaz decidiu interromper as súas vacacións en Galicia non para apoiar aos equipos de extinción nin para ofrecer máis axuda, senón para participar nunha protesta e lanzar bulos”, engadiu.
A secretaria xeral do PPdeG recalcou que “Galicia merece unidade e responsabilidade, non aproveitamento electoral en plena crise. Agora é o momento de traballar todos xuntos para frear os incendios e atender as familias afectadas. Haberá tempo para o debate político, pero hoxe lamentamos profundamente a manipulación e a utilización partidista dunha catástrofe”.
Finalmente, Paula Prado puxo en valor o labor da Xunta: “Estamos dedicados ao que verdadeiramente importa: a loita contra o lume e a preparación das axudas ás persoas afectadas. Esa é a diferenza entre uns e outros: mentres algúns convocan manifestacións co monte aínda ardendo, nós estamos a traballar por Galicia”.