A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que o seu partido non vai permitir que “o Goberno de España prive aos concellos galegos de recursos para darllos a Cataluña co fin de que Pedro Sánchez siga no poder” e neste sentido engadiu: “Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos. Queremos o que lle corresponde aos galegos”.
Acusou ademais ao “tripartito” formado por PSdeG, BNG e Sumar de ser “cómplices desta situación” e de estar “ensimesmados nos seus intereses partidistas en lugar de defender a Galicia”. Aos socialistas galegos afeoulles que “non foran quen de sentar a un dos seus membros do Consello de Ministros”, aos nacionalistas que “poñan por diante o seu independentismo fronte aos intereses dos galegos” e a Sumar que “estea máis preocupado polo que pasa en Madrid que polo que pasa en Galicia”.
“Aos galegos só lles queda contar coa defensa dos seus intereses que, con Alfonso Rueda á fronte, seguiremos facendo desde o PPdeG. Porque, a diferencia dun PSdeG, dun BNG e dun Sumar que queren máis Sánchez a costa de menos Galicia, nós sempre defenderemos máis Galicia”, concluíu.
Paula Prado fixo estas declaracións no marco dunha visita da Comisión de Pequenos Concellos do PPdeG ao recentemente renovado campo de fútbol de Cerdido, onde o alcalde deste municipio, Alberto Rey, trasladou a súa intención de complementar estas infraestruturas deportivas cunha reforma do polideportivo municipal e a construción de novas pistas de pádel.
Estes traballos de mellora do campo de fútbol, que contaron co apoio económico do Goberno galego, son para a número dous dos populares galegos “un exemplo máis do compromiso e do esforzo inversor da Xunta de Galicia por dotar de servizos aos concellos do rural galego e así contribuír ao asentamento de poboación”.
Un esforzo que se reflexa ademais noutras medidas impulsadas polo Goberno galego como as casas niño, as casas do maior, a política de impostos cero no rural, os polos de emprendemento, as axudas ao agro, a renovación de preto dun cento de centro de saúde desde 2009 ou as novas axudas á dependencia.
Logo de realizar esta visita, a secretaria xeral do PPdeG e os membros da comisión trasladáronse á sede local do PP de Ortigueira para manter unha reunión de traballo onde constataron que a comarca de Ortegal é “unha comarca 100% do PP”. Tal e como demostra o feito de que todos os concellos que a conforman – Cariño, Ortigueira, Mañón e Cerdido – estean gobernados por rexedores desta formación.