21 de novembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe que o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas “busca facilitar a axenda do Goberno galego e a correcta execución das medidas incluídas nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano”.
En concreto, Paula Prado explicou que “o primeiro lugar da axenda do Goberno galego figura baixar os impostos para as rendas máis baixas e para as familias numerosas, considerando tamén como numerosas a efectos fiscais ás familias con dous fillos”.
“No ámbito social, modificamos varias leis co fin de aliviar a carga económica aos galegos: como a gratuidade dos carnés de servizos para a xuventude, o incremento das contías da Risga, a regulación da carteira de servizos sociais para a atención a persoas en situación de dependencia ou os prezos para a prestación de servizos nas residencias de tempo libre”.
PRETENDEN QUE A XUNTA PECHE
A viceportavoz popular incidiu que “a Xunta persiste na senda iniciada en 2014 de rebaixar os impostos aos galegos para beneficiar novamente ás rendas máis baixas, nas que se sitúan o 44 por cento das familias galegas”. Fronte a isto, contrapuxo ao Goberno central de Pedro Sánchez que, “apoiado polo BNG, ten subido 54 impostos, rebentando hai tempo o impuestómetro”. “Díganlle claramente ás familias galegas que o BNG e o PSdeG prefiren que paguen máis na súa declaración da renda”, demandou aos grupos da oposición.
Previamente, no debate sobre as emendas transversais aos orzamentos da Xunta para 2023, Paula Prado criticou que BNG e PSdeG propoñan que “a Xunta peche a partir do 1 de xaneiro, porque coas súas emendas quedaría sen limpeza, sen servizos postais, sen teléfono, papelería, reposición de sistemas informáticos, gas ou enerxía”. “Nun corta e pega repiten cada ano as súas iniciativas para eliminar practicamente a totalidade dos gabinetes da Xunta”, sinalou.