Santiago, 23 de maio de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, amosou hoxe a “satisfacción polo resultado e o desenvolvemento” do Congreso que o PPdeG celebrou esta fin de semana en Pontevedra, xa que “foi unha demostración máis da unidade deste partido, cun proxecto definido para que Galicia siga camiñando pola senda do crecemento económico e na mellora das prestacións sociais e sanitarias”.
“Demostramos que o PPdeG é un partido con ilusión, preparación e motivación para seguir gañando, sempre por enriba das individualidades”, manifestou Paula Prado, quen agradeceu o apoio de máis do 97 por cento dos compromisarios á candidatura encabezada polo Presidente Alfonso Rueda.
Por outra parte, a viceportavoz popular considerou “un orgullo” que Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado representen a Galicia no Senado, máxime cando hai menos de dous anos que recibiron o apoio maioritario dos galegos nas últimas eleccións galegas. Así mesmo, felicitou á deputada popular Elena Candia, que tamén será elixida mañá no Pleno como vicepresidenta primeira do Parlamento galego.
Paula Prado amosouse “sorprendida” polo anuncio realizado polo BNG e o PSdeG de que non apoiarán a elección de Feijóo e Tellado para o Senado, “cando é patente que se trata de dous dos políticos galegos que mellor coñecen Galicia. En concreto, lembrou que Feijóo foi o presidente da Xunta durante os últimos 13 anos, logo de conseguir a maioría absoluta en catro eleccións autonómicas.
“Esta negativa do BNG é unha demostración máis do seu desprezo a todo o que teña que ver coas institucións do Estado, salvo que a súa súa presenza conleve un beneficio económico para a formación nacionalista, como o están a demostrar pedindo a desaparición das deputacións provinciais, pero formando parte dos seus gobernos”, sinalou.
A viceportavoz popular tamén cualificou de “incomprensible” a postura do PSdeG respecto da elección de Feijóo e Tellado, logo de que o seu senador actual en representación da Comunidade galega, que foi candidato á Presidencia da Xunta, contou co voto favorable dos deputados do PPdeG. “Agora, os candidatos do Partido Popular de Galicia ao Senado non serán correspondidos polos deputados socialistas no Parlamento galego”, lamentou.
FELICITACIÓN A ELENA CANDIA
Paula Prado tamén trasladou a felicitación á deputada popular Elena Candia, que mañá será elixida como vicepresidenta do Parlamento de Galicia, en substitución de Diego Calvo, novo Vicepresidente 2º e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Neste sentido, amosou a seguridade de que Elena Candia “continuará o bo traballo que ata o de agora fixo Diego Calvo na Vicepresidencia do Parlamento, apoiando en todo momento ao Presidente e representando a esta Cámara da mellor das formas”.
Polo que respecta á proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana, Paula Prado lembrou que a primeira delas ten como obxectivo que o Goberno central restableza o réxime de excepcións vixente desde o ano 2015, que excluía a obriga de cotizar como autónomo a aquelas persoas que teñan ingresos como titulares de explotacións agrarias cando non superen determinados niveles de renda e rendemento económico.